Carlos
L. Iglesias Patiño (1)
María
Jesús Villaverde Mosquera (2)
(1) Dpto. de Estatística e I.O. (USC) e IGE
(2) Profesora de ensino secundario
Un dos obxectivos básicos do
ensino había ser a formación de cidadáns, mais para que nesta sociedade tan
complexa os individuos poidan exercer de xeito efectivo os seus dereitos, así
como entender a necesidade de cumpriren as súas obrigas é preciso, por parte
deles, comprenderen o seu contorno e iso non se consegue sen teren unha formación
estatística básica.
Disque estamos a vivir na
sociedade da información e está claro, que de ser así, boa parte dela é
información estatística. Por
conseguinte é necesario dotar a mocidade de competencias, habilidades e
destrezas neste eido o que implica que coñezan os instrumentos e metodoloxías
axeitadas, ademais de desenvolvermos o seu bo senso estatístico.
As matemáticas xa non se
poden concibir só como unha asignatura preparatoria para o que algúns teñen
denominado como ciencias “duras” ou para as carreiras tecnolóxicas. Senón
que deben colaborar na formación dos novos cidadáns e tentar evitar o
anumerismo tradicional da nosa sociedade, ademais de servir de alicerce para a súa
vindeira formación académica e a súa mellor inserción laboral, sen
esquecermos do seu propio desenvolvemento persoal e social, todo dentro dun
proxecto xeral de educación ó longo da vida.
Doutro xeito non terá sentido
falar de sociedade da información, senón mais ben habería que falar de
sociedade dos datos e, por suposto, nunca habiamos acadar a vivir na tan desexábel
sociedade do coñecemento.
Por tanto, cómpre que, dende
os primeiros conceptos, a introducción no estudio científico dunha disciplina
sexa o máis doada e clara posíbel. Non
pode ser diferente no caso da estatística e nela algúns dos conceptos máis básicos
son os de poboación e mostra. Na
situación actual obsérvase que nos libros de texto de secundaria, e mesmo nos
manuais introductorios de nivel universitario, os exemplos relativos á mostraxe
-mostras, estimadores,
distribución na mostraxe,...-
fanse fundamentalmente con mostras obtidas a partir dunha poboación finita,
isto é lóxico por ser a forma máis sinxela de explicaren este concepto, porén
a relación coa mostraxe en poboacións infinitas, nomeadamente normais, non é
tan inmediata como se deduce da maioría destes libros, tanto dende un punto de
vista matemático como metodolóxico, sendo isto último quizais máis
importante neste niveis educativos tendo en conta a falla de rigor matemático
que preside moitos puntos do desenvolvemento dos programas, coa conseguinte
supresión de demostracións formais.
Todo o anterior pode ocasionar
dificultades de comprensión por parte do alumno, por iso é conveniente amosar
que con pouco máis esforzo podemos impartir os principais conceptos da
inferencia estatística, cun discurso máis claro e rigoroso sen grandes
complicacións matemáticas e ademais relacionar o tema con outros, tanto
propiamente matemáticos como científicos en xeral, así como con cuestións
que se suscitan a cotío, por exemplo a información publicada nos medios de
comunicación obtida mediante enquisas (Corbalán, 2004).
Coa posibilidade da análise deste tipo de información, a conseguinte
valoración crítica dela e o rexeite no caso de emprego incorrecto, o que sen dúbida
ha redundar na transversalidade da asignatura de matemáticas.
Como expuña Behar na súa conferencia, para que na nosa sociedade o
cidadán poida exercer os seus dereitos e comprender o seu contorno precisa
dunha alfabetización estatística.