|
Nenos "problemáticos"
Os 102 rapaces resolveron as
probas en trío. / juan varela |
S. R. P. / A Coruña
Se aos rapaces "lles ensinasen a andar en bici na escola,
non aprenderían na vida. Saberían todo sobre o aparello, a
distancia dos raios, a relación entre as marchas e o
aproveitamento do esforzo, a presión ideal das rodas... Toda a
teoría pero, de andar, nada de nada". Coque Pazos,
coordinador do Rebumbio e membro de Agapema (Asociación Galega de
Profesores de Matemáticas, que convoca estas probas), cre que os
números que se estudan na clase e os que se usan na vida
"van por camiños moi diferentes" e así nos vai cando
deixamos a escola.
Os 102 rapaces, en grupos de tres, de 25 colexios da zona que
superaron a selección para esta versión da olimpíada matemática
para os cativos (de sexto de Primaria) son os mellores da clase
nisto dos números. Con todo, segundo conta Pazos, a maioría dos
escolares galegos "aborrecen as matemáticas", e
"non hai dereito". O Rebumbio é un reto, pero case ningún
neno gozaría solucionando os problemas como os integrantes destes
34 equipos bautizados con nomes como Operamos sen bisturí ou
Multiplícate por cero.
O gran problema non é ningún destes que aparecen no gráfico,
e que eran os que compuñan a proba de onte, o gran problema é o
método de ensino. Pazos di que o peor é que "os pais son os
primeiros en esixir que os nenos de hoxe aprendan co mesmo sistema
que eles aprenderon", e aquel método non contemplaba as prácticas.
"A maior desgraza para un profesor é ver aos alumnos no
recreo sen saber como repartir os cromos".
Por iso, o premio da final galega, que terá lugar o 4 de xuño
no Forum Metropolitano, con 15 equipos de Vigo, Santiago, Ferrol,
Lugo, Ourense e A Coruña, incluirá unha visita á casa das
Ciencias, un banquete e un "percorrido matemático" polo
parque de Santa Margarida. Pura práctica.
|