AGAPEMA

NA SOMBRA DA LÚA

Á LUZ DAS MATEMÁTICAS

 (A ECLIPSE DE SOL DO 3 DE OUTUBRO DE 2005)

Unidade didáctica en doc (1800K) En zip (1400 K)

Como xa saberedes, o próximo 3 de outubro, terá lugar unha eclipse de sol, que será de tipo anular para grande parte do territorio galego (aproximadamente, ao sur da liña que pasa por A Coruña e Lugo), e de tipo parcial no resto (norte de Galiza).

Como é luns, día lectivo, e sucederá en horario escolar (toda a eclipse desenvolverase entre as 09h 38 min e as 12h 16 min), teremos unha boa oportunidade de traballar contidos relacionados con dito fenómeno.

Podedes comprobar por Internet que xa hai moitas páxinas dedicadas a esta eclipse, pero son escasas as que tratan o asunto desde o punto de vista matemático e didáctico. Por este motivo, encargámoslle a un membro de AGAPEMA, Xosé Enrique Pujales Martínez, que elaborase un material con ese enfoque.

Produto deste encargo, elaborou unha Unidade Didáctica que será incluída nas páxinas de AGAPEMA ao longo da primeira semana de setembro. Poderedes consultala e descargala na dirección http://www.agapema.com/eclipse

Como presentación desta Unidade Didáctica dedicada á eclipse de sol do 3 de outubro, queremos sinalar o seguinte:

-         A Unidade Didáctica ofrece un material destinado a poñelo en práctica entre o noso alumnado. Pero como non son os mesmos os coñecementos dos que parte unha alumna de 1º da ESO dos dunha alumna de 2º de Bacharelato, a Unidade Didáctica está elaborada permitindo moitos niveis de afondamento, o cal nos esixirá contextualizar, seleccionar, e mesmo profundar, o material concreto que podemos utilizar co noso alumnado concreto.

-         Dispoñendo da Unidade Didáctica, ofrécensenos varias posibilidades: 1º) Traballala particularmente co noso alumnado; 2º) Animar aos nosos compañeiros e compañeiras do Departamento de Matemáticas para desenvolver un traballo conxunto (¡é unha boa oportunidade para dinamizar os Departamentos instalados na rutina!); 3º) Involucrar non só aos membros do Departamento, senón tamén aos doutras áreas e materias.

Pensando nestas posibilidades, a Unidade Didáctica ten un carácter interdisciplinario. Nela suxírense e/ou desenvólvense actividades destinadas a outras materias co obxecto de ir con propostas concretas aos nosos compañeiros e compañeiras.

-         Na Unidade Didáctica recóllense actividades para ser tratadas antes, durante e despois da eclipse. Como é lóxico, o que máis espazo ocupa son as actividades previas ao acontecemento, porque, como docentes, o que máis nos interesa é a formación do alumnado, non levalos exclusivamente a observar acriticamente un fenómeno (para iso hai moitos documentais preciosos). Pero a motivación do alumnado debemos tela en conta: quere que o levemos a ver a eclipse. Por iso desde estas liñas queremos insistir nunha cuestión importantísima, na que tamén se insiste na Unidade Didáctica: Nunca se debe mirar o Sol a simple vista sen filtros adecuados (nada de cristais afumados e outros “inventos caseiros”) ou gafas especiais (non serven as gafas de sol). A observación sempre debemos facela tomando as debidas precaucións, incluso cando o disco solar estea case completamente “tapado” (estará oculto máis dun 90%) polo disco lunar.

-         Na Unidade Didáctica suxírese a utilización de diverso material audiovisual. Dada a dificultade para conseguilo, nas delegacións de AGAPEMA teredes un exemplar del, para que fagades as copias que queirades.

 volver - correo