AGAPEMA

 Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática

Estatutos

 

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN GALEGA DE PROFESORES E PROFESORAS DE MATEMÁTICAS.

Artigo 1.— Constitúese a Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) no ámbito territorial da Comunidade Autónoma Galega.

Artigo 2.— A súa estructura contemplará, como mínimo, a autonomía das seguintes zonas: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo; no seu ámbito correspondente.

Artigo 3.—A sede da Asociación fixarase, en cada caso, segundo acordo maioritario da directiva. Provisionalmente establécese en García Abad 3-1º B-Lugo.

Artigo 4.— O Réxime da Asociación determínase polos presentes Estatutos, o Regulamento Xeral de Réxime Interno, se o houbese, e os acordos das súas Asembleas e Xuntas Directivas. No non previsto acóllese ó establecido na Lei de Asociacións de 19/1977 de 1 de abril (BOE do 4 de abril) e no Real Decreto que o regula 873/1977 (BOE de 28 de abril).

FINS

Artigo 5.— Son fins da Asociación:

- Facilita-la actualización do Profesorado de Matemáticas, difundi-las correntes do pensamento matemático, transmiti-las innovacións educativas e difundi-las distintas correntes para a ensinanza e a aprendizaxe matemática.

- Impulsa-lo desenvolvemento das investigacións na Educación Matemática.

- Realizar estudios, críticas e propostas de currícula para cada un dos niveis educativos.

- Establecer unha conexión entre o profesorado dos distintos niveis educativos.

- Colaborar e intercambiar información coas Asociacións e Sociedades de igual carácter e finalidade.

- Establecer convenios de colaboración con outras entidades e institucións, públicas ou privadas, sempre e cando contribúan á consecución dos fins da Asociación.

- Promove-lo coñecemento e difusión das tecnoloxías da información e comunicación no ensino das matemáticas.

- Exclúese a defensa dos intereses económicos e laborais.

- Así mesmo exclúese calquera finalidade lucrativa.

Artigo 6..— Para o cumprimento dos fins anteriores, a Asociación poderá contemplar entre as súas actividades e funcións as de:

- Centro de Divulgación e Información: informará con antelación suficiente de cantos Congresos e Xornadas se celebren e coordinará ás relacións nacionais e internacionais.

- Centro de Documentación e Recursos.

- Actividades dirixidas a promover a motivación e participación do alumnado, como a Olimpíada de Matemáticas, Rallye Matemático e Rebumbio.

- Xornadas periódicas.

- Servicio de Publicacións. Entre outras publicará unha Revista con artigos de Educación Matemática. E un CDROM cando sexa conveniente.

- Grupos de traballo.

- Cursos de actualización e perfeccionamento do profesorado.

- Exposicións e producción de materiais didácticos.

A normativa e regulación destas accións recollerase no Regulamento de Réxime Interno.

SOCIOS

Artigo 7.— Pode asociarse todo o profesorado de matemáticas de centros públicos ou privados, de calquera nivel educativo, así como o profesorado habilitado ou con titulación adecuada para impartir matemáticas. Os socios serán Fundadores, Honorarios e Numerarios.

- Serán socios Fundadores os que se asocien no primeiro ano de existencia da asociación.

- Poderán ser socios Honorarios aquelas persoas que pola súa experiencia, capacidade ou preparación contribúan notablemente á consecución dos fins da Asociación.

Serán nomeados pola Asemblea Xeral a proposta da Xunta Directiva ou de 25 socios.

- Poden ser socios Numerarios tódolos interesados na ensinanza das Matemáticas, que sexan persoas físicas, maiores de idade coa plena capacidade de obrar e tramiten a correspondente solicitude dirixida ó Delegado de zona.

- A admisión de socios farase nunha Delegación de zona e o seu eventual rexeitamento deberase xustificar na Asemblea Xeral.

Artigo 8.—Os socios Honorarios poderán asistir ás Asembleas con voz pero sen voto. Non poderán formar parte da Xunta Directiva.

Artigo 9.— Son dereitos dos socios:

- Participar e beneficiarse de cantas actividades promova a Asociación.

- Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.

- Ser elixidos para cargos directivos.

- Elevar á Xunta Directiva cantos proxectos ou consultas estimen oportunos.

Artigo 10.— Son deberes dos socios:

- Satisface-las cotas fixadas.

- Acepta-los Estatutos, os acordos das Asembleas e do Regulamento do Réxime interno.

Artigo 11 – Darase de baixa ós socios fundadores e numerarios por algunha das causas seguintes:

- Renuncia voluntaria.

- Falta de pago da cota.

- Comportamento contrario ós fins da Asociación.

ÓRGANOS DE GOBERNO

Artigo 12.- Os Órganos de goberno da Asociación serán de ámbito de zona e galego. Cada zona terá como órganos de goberno a Delegación e a Asemblea. Son de ámbito galego a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 13.- A Asemblea de zona é o órgano deliberante da Asociación na súa demarcación. Está constituída por tódolos seus socios. Reuniránse ordinariamente unha vez ó ano e extraordinariamente cando ó solicite un tercio dos socios ou o decida a Delegación correspondente.

Artigo 14.- Compete á Asemblea de zona Ordinaria:

- Propoñe- los cargos da Delegación.

- Aprobar, se procede, a memoria que presenta a Delegación.

- Faculta-la Delegación para cantas xestións sexan necesarias no beneficio da Asociación ou dos seus membros.

Artigo 15.- Compete á Asemblea de zona Extraordinaria:

- Aprobar o Regulamento de Réxime Interno polo que se rexerá cada zona, sen contravir o disposto nestes Estatutos e no Regulamento Xeral.

- Propoñer ós membros da Delegación cando o número de vacantes acumuladas sexa igual ou superior á metade da totalidade.

Artigo 16.— A Delegación estará formada polo Delegado, Subdelegado, Secretario e Vocais. Existirá unha en cada zona.

Artigo 17.- Son funcións da Delegación de zona:

- Convocar e fixar a orde do día das Asembleas.

- Desenvolver e executa-los acordos das mesmas.

- Promover dentro do seu ámbito cantas actividades estime convenientes para a consecución dos fins da Asociación.

- Confecciona-la memoria anual que necesariamente incluirá:

- Exposición das xestións levadas a cabo e o resultado das mesmas.

- Actividades realizadas pola Asociación.

- Inventario de bens.

- Balance económico e previsión anual dos ingresos e gastos.

Esta memoria estará a disposición dos socios na sede da zona con, ó menos, quince días de antelación á celebración da Asemblea na que ha de ser aprobada, e será remitida á Xunta Directiva para á confección da memoria anual da Asociación.

- Nomear con carácter provisional, ata a seguinte Asemblea, ós cargos da propia Delegación que queden vacantes, sempre que o número destes non chegue ó 50% do total.

- Propoñe-la baixa de socios á Asemblea Xeral.

Artigo 18.- Os membros da Delegación de zona reuniránse, ó menos, unha vez cada tres meses.

Artigo 19- Cada dous anos a Asemblea Ordinaria de zona propoñerá os membros que formarán parte da Xunta Directiva.

Artigo 20- A Asemblea Xeral é o órgano supremo da Asociación. Está constituída por tódolos socios. Reuniránse ordinariamente unha vez cada ano ou extraordinariamente cando o solicite a Xunta Directiva ou un tercio dos socios, nun prazo máximo dun mes dende a petición.

Artigo 21- Compete á Asemblea Xeral Ordinaria:

- Elixir o Presidente, o Vicepresidente 1º, Secretario e Tesoureiro. Os membros da Xunta Directiva serán elixidos por votación libre e secreta.

- Aprobar, se procede, as memorias que presente a Xunta Directiva.

- Aprobar, se procede, o presuposto elaborado pola Xunta Directiva.

- Faculta-la Xunta Directiva para cantas xestións sexan necesarias no beneficio da Asociación e dos seus membros.

- Establecer e revisar as cotas anuais.

Artigo 22- Compete á Asemblea Xeral Extraordinaria:

- Modifica-los Estatutos, e o Regulamento Xeral do Réxime Interno.

- Dispoñer e/ou alienalos bens da Asociación.

- Tomar acordos para a constitución de federacións. Ou integrarse nunha xa existente.

- Disolve-la Asociación.

Artigo 23- As Asembleas serán convocadas ó menos con quince días de antelación, mediante aviso particular a cada un dos socios, publicación nos diarios ou noutros medios de comunicación, facéndose constar a orde do día, data, lugar e hora da celebración.

Artigo 24.- As Asembleas quedarán validamente constituídas cando na primeira convocatoria asistan a metade máis unha dos socios, ou nunha segunda convocatoria, cos socios presentes.

Artigo 25.- O Presidente e o Secretario das Asembleas serán os da Xunta Directiva, salvo nos seguintes supostos nos que a Asemblea elixirá a Mesa.

- A Xunta Directiva presentase a reelección.

- Por dimisión ou algunha outra causa non exista Xunta Directiva

Artigo 26.- A Xunta Directiva estará integrada polo Presidente, o Vicepresidente 1º, os Delegados de zona -que figurarán como Vicepresidentes-, o Secretario e o Tesoureiro. Presidente, Vicepresidente lº, Secretario e Tesoureiro serán elixidos pola Asemblea Xeral, entre os membros da Asociación. O seu mandato será por dous anos podendo ser reelixidos ó final do mesmo.

Artigo 27.- A Xunta Directiva poderá nomear tantos vocais como áreas de competencia defina. Os vocais poderán asistir ás reunións da Xunta Directiva con voz e voto salvo nos casos previstos no artigo 34.

Artigo 28.- Son funcións da Xunta Directiva:

- Convocar e fixa-la orde do día das Asembleas Xerais.

- Desenvolver e executa-los acordos das mesmas.

- Promover cantas actividades estime conveniente para a consecución dos fins da Asociación. Dentro destas actividades necesariamente encontraranse as indicadas no artigo 6 destes Estatutos.

- Confecciona-la Memoria anual que polo menos incluirá:

·Xestións levadas a cabo e o resultado das mesmas.

·Actividades realizadas.

·Balance económico do ano anterior.

·Presuposto económico para o ano seguinte.

·Inventario de bens.

- Esta Memoria estará a disposición dos socios na sede da Asociación con ó menos quince días de antelación á celebración da Asemblea.

- Nomear con carácter provisional, ata a próxima Asemblea, o Vicepresidente 1º, Secretario e Tesoureiro, se é que algún destes cargos quedan vacantes.

Artigo. 29.- A Xunta Directiva reunirase unha vez, polo menos, cada catro meses.

Artigo 30.- A Presidencia representará a Asociación, convocará e presidirá as Asembleas e reunións da Xunta Directiva e coordinará as actividades da Asociación.

Artigo 31.- Os Vicepresidentes auxiliarán ó Presidente, e representarán ás Delegacións de zona. O Vicepresidente 1º substituirá o Presidente no caso de ausencia, enfermidade ou dimisión.

Artigo 32.- Corresponde ó Secretario:

- Informa-los socios.

- Levantar acta das reunións da Xunta Directiva e das Asembleas.

- Leva-los libros (salvo os de contabilidade) da Asociación.

- Custodia-los documentos e selos da Asociación.

- Emitir as certificacións correspondentes.

Artigo 33.- Corresponde ó Tesoureiro:

- Custodia-los fondos da Asociación.

- Leva-los libros de contabilidade.

- Realizar o balance económico anual.

- Preparar o presuposto da Asociación.

- Autoriza-la disposición de fondos, co visto bo do Presidente.

Artigo 34.- Cando se teña que decidir sobre un tema que a xuízo de, polo menos, a metade máis un dos membros da Xunta Directiva sexa conflictivo poderán decidir que esa votación sexa “especial”. Neste caso os Vocais non teñen dereito o voto.

Artigo 35.-Salvo o previsto nos artigos 38 e 40 as decisións tanto na Asemblea como na Xunta Directiva tomaranse por maioría simple. No caso de empate decide ó voto de calidade do Presidente.

BENS E DISOLUCIÓNS

Artigo 36- A Asociación financiarase coas cotas dos socios e as axudas e subvencións que reciba de organismos oficiais ou entidades de carácter privado legalmente constituídas.

Artigo 37- Os recursos económicos anuais da Asociación non excederán do tope legal establecido.

Artigo 38- A Asociación disolverase por acordo da Asemblea Xeneral Extraordinaria convocada con este único punto na orde do día. A decisión haberá de tomarse por dous tercios dos socios presentes.

Artigo 39- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria nomeará unha comisión liquidadora que xunto o Presidente e o Tesoureiro efectuará a liquidación. O patrimonio resultante, se o houbese, donarase a unha Asociación con fins análogos.

Artigo 40- Para a modificación destes Estatutos será necesario que unha Asemblea Xeral Extraordinaria o aprobe con dous tercios dos votos favorables dos socios asistentes.

 

 

 

 

correo