Ferrol Martes
27 de Abril de 2004
Os gañadores do Rallye Matemático reciben os seus premios en Santiago o xoves
Redacción / Ferrol
O vindeiro xoves ás doce da mañá os gañadores do XII Rallye Matemático sen Fronteiras 2004 recibirán os seus premios na Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela.
Nesta edición resultou vencedor absoluto o equipo do IES Terra de Trasancos de Narón. Na categoría de terceiro curso de Secundaria, ademais de gañar os alumnos do grupo B do centro naronés da profesora Josefa Paz Leira, quedaron en terceira posición os estudantes da clase B da docente Concepción Ulloa Fernández de Sanmamed, do IES Sofía Casanova, de Ferrol. No segundo posto quedaron os alumnos do Alexandre Bóveda de Vigo.
En cuarto de Secundaria resultaron gañadores os concursantes do instituto de Valga, seguidos dos de Monelos e de estudantes de Chapela de Redondela.
Viaxe a Francia
Os primeiros clasificados en ambas categorías acudirán no vindeiro mes de maio á fase final que se celebrará na cidade francesa de Toulouse.
Estas probas, organizadas pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática, teñen como finalidade favorecer o traballo conxunto, revalorizar as cualidades da imaxinación, dinamismo e creatividade e facer vivir as matemáticas a través de situacións orixinais.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Sucesos |
Economía | Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |