AGAPEMA

 Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática

Matemáticas 2000

 

 

Matemáticas 2000 - SANTIAGO

Organiza AGAPEMA

Patrocina: Concellería de Cultura do Concello de Santiago

Museo do Pobo Galego  

9 ó 24 de xaneiro de 2002

 

Matemáticas 2000 e Cidadanía - A CORUÑA

Organiza AGAPEMA

Patrocina: Concellería de Cultura do Concello de A Coruña

Forum Metropolitano

18 febreiro ó 3 marzo de 2002

EXPOSICIÓNS E ACTIVIDADES PARALELAS.  Programa de actividades.

· EXPOSICIÓN MATEMÁTICAS 2 000

· EXPOSICIÓN: "DURÁN LORIGA", matemático coruñés

· EXPOSICIÓN DE POLIEDROS

 

 

Exposición virtual.

A proposta da Unión Matemática Internacional, o 2000 foi declarado pola UNESCO Ano Mundial das Matemáticas. En Canarias constituíuse un Comité para promover e coordinar as actividades que se celebraron con ese motivo.

“Matemáticas 2000” é unha exposición que foi proposta á Consejería de Educación Cultura y Deportes del Gobierno de Canarias recibindo o seu apoio e correspondendo á Sociedade Canaria “Isaac Newton’ de Profesores de Matemáticas a súa organi­zación.

O visitante atopará nela un conxunto de mesas temáti­cas que foron concibidas e deseñadas na súa maioría por pro­fesores desa Comunidade. Foi inaugurada no mes de febreiro de 2000 durante a celebración das XX Jornadas da citada sociedade.

En cada mesa hai materiais manipulables acompañados de patróns que lle explicarán con claridade que debe facer con eles e qué tipo de problema ou problemas debe resolver. Vostede debe intentalo sen complexos nin temores pois están pensados para que sexan resoltos sen necesidade de ter unha sólida formación matemática.

Ademais, “Matemáticas 2000” dispón dunha exposición ver­tical de carteis didácticos que abordan diferentes temas, uns relacionados co material dispoñible na mesa e outros con información sobre outras interesantes cuestións.

Así pois, “Matemáticas 2000” é unha exposición chea de pro­hibicións pois “prohíbese non tocar” e “prohíbese non ler”. A través das actividades que se lle propón terá a oportunidade de ter un contacto coas matemáticas distinto ó que tivo nas súas clases escolares e poderá comprender que tamén son accesibles, lúdicas e concretas. Non desaproveite a ocasión e benefíciese deste esforzo económico e intelectual xa realizado.

Se é docente, seguro que poderá inspirarse para desenvolver estas e outras actividades cos seus alumnos.

Organizada pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) e patrocinada pola Concellería de Cultura do Concello de Lugo, exporase na Sala Municipal de Exposicións “Uxío Novoneira”, rúa Quiroga Ballesteros, do 29 de outubro ó 9 de novembro de 10 a 13:30 h. e de 16 h á 21 horas.

 

Contidos das mesas

 

Xogos do mundo

¿Oíu falar algunha vez dos “solitarios”? Ademais dos que se xogan coa baralla, existe un amplo conxunto doutros solitarios, (inglés, francés, triangular, pirámide, de trébol, etc.), que lle resultarán moi entretidos, fáciles de aprender e intrigantes se os quere resolver.

Ilusións e paradoxos

O mundo non é sempre como vostede cre que é. A vista pódelle dar sorpresas. Verá un método, bastante cruel, por certo, para resolver o tema da superpoboación (terá que pensar como un astuto ladrón lle pode roubar tan limpamente, e, máis difícil aínda, poderá facerse un burato nunha man.

Anamorfoses

Vostede está habituado a verse nos espellos planos pero ¿qué ocorre cando o espello ten forma cilíndrica ou cónica? Descubrirá un mundo insólito no que figuras irrecoñecibles se converten en belas imaxes neses espellos. E se ten paciencia, ata pode elaborar unha de elas.

O mundo dos espellos

O dito; vostede está habituado ós espellos planos pero, ¿sabería sacar partido didáctico a eses espellos? Esta mesa ofrécelle actividades para que disfrute cos espellos e, se o desexa, o reproduza na súa casa e siga disfrutando e descubrindo máis e máis propiedades, como por exemplo, un método fascinante para multiplicar o seu diñeiro.

Puzzles no plano

Non crea que os vai a resolver de contado. Terá que tentar moitas veces antes disto, pero vostede xa fixo puzzles desde sempre e sabe que o importante é non desfalecer porque sempre saen. Mova, probe e sobre todo, reflexione e trate de atopar algunha estratexia.

Puzzles no espacio

Se os puzzles no plano, isto é, en dúas dimensións, son entre­tidos e a veces complicados, imaxínese como serán en tres dimensións. Pero non se desanime, con tesón e cunha mínima visión espacial, conseguirao. E se non posúe estas capacidades, ¡aquí ten un bo mé­todo para adquirilas!

A caixa do infinito

¿Ten vostede idea do que é o infinito? ¿Quéreo ver cos seus propios ollos? (ben, con un). Pois mire polo burato que se lle indica e abra de par en par a porta da súa imaxinación; aí está o infinito.

Grafos e camiños

Dar un paseo é algo cotián e agradable. Sen embargo se pode complicar vostede a vida se lle piden que resolva o paseo que debían dar os cidadáns de Konigsberg, á beira do Báltico. Lea en que consiste e compita con Leonard Euler tratando de resolvelo. Se o consigue demos­trará ter a súa xenialidade. E se se anima, na mesma mesa poderá entreterse con outros percorridos curiosos, como o da mosca sobre as moedas ou o vixiante que está algo aloucado tratando de atopar o perco­rrido idóneo.

Torres de Hanoi

A fin do mundo é algo que preocupa a algúns. Se vostede é un de eles, lea a lenda do cartel e xogo. Enterarase do que falta aínda para que o mundo se acabe...

Os Tangrams e Pitágoras

Non sabemos se Pitágoras (século V a. de C.) inventou os tangrams pero nesta mesa atoparáos xuntos porque poderá demostrar o seu famoso teo­rema resolvendo un curioso tangram. Lembre: “en todo triángulo rec­tángulo, a área do cadrado feito sobre a hipotenusa é igual á suma dos cadrados feitos sobre os catetos”.

Pentaminós sólidos e tetrahexos

Esta é unha mesa moi entretida se é vostede capaz de resistir os primeiros minutos, porque o material que se presenta ¡é para volverse tolo!. Só mentes escollidas (e a súa pode ser unha delas), logran resolver a situación plenamente. Non se desanime e comprobará a satis­facción que se sinte cando se consegue.

A cicloide

É unha curva marabillosa cunhas propiedades espec­taculares. Manipule con ela e non dará crédito a certas cousas que verá. Terá que admitir a evidencia.

Xeometría cotián

As matemáticas ro­deannos por todas partes. Outra cousa é que vostede logre perci­bilas. Esta mesa axudaralle a encontrar e interpretar xeo­metricamente obxectos que ve a diario gracias ós frisos. Dedíquelle un pouco de tempo e pregunte se non entende. Ó final poderá entreterse tamén xogando con singulares dominós con un truco que esperamos que descubra.

Mosaicos e teselacións

Con estas pezas poderá construír o embaldosado dos seus soños ou algún que se lle aproxime. Só ten que utilizar as pezas que se lle ofrecen e ¡como non! A súa imaxinación e creatividade. Se lle queda moi bonito, fotografíeo para que non se lle esqueza...

Pompas de xabón

As pompas de xabón non sempre son esféricas. A natureza é sabia e busca sempre encontrar as solucións máis sinxelas ós problemas máis complicados. Nesta acuática mesa poderá disfrutar non só da beleza das pompas que logrará senón desa sabedoría da natureza.

Álxebra visual

Algunhas das demostracións que lle custaron moito nos seus es­tudios escolares as verá agora con materiais manipulables e, tal vez, xa non as volverá a esquecer.

Azar e sondaxes

O azar non é só para xogar nos moitos xogos que hai no mercado. Nesta mesa descubrirá interesantes propiedades e poderá medir a súa capacidade co manexo da probabilidade. Tal vez se sorprenda e aprenda a xogar mellor de agora en adiante.

 

 

 

 

 

 

volver - correo