AGAPEMA |
|
Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática
| Acordo da Asemblea de AGAPEMA do 26/11/2004 |
Desde hai uns días, os centros de ensino secundario están recibindo un escrito que contén as normas que rexerán as probas de acceso á universidade para o curso 2004/2005 na materia de Matemáticas II, asinado pola Directora do Grupo de Traballo de Matemáticas, que está provocando unha auténtica convulsión. A medida de prohibición do uso de todo tipo de calculadoras no exame de Matemáticas das PAAU está creando tal estado de estupefacción non só entre o profesorado de Matemáticas, senón tamén entre o alumnado e o resto de compañeiros doutras materias sabedores por nós desa iniciativa, que a Asemblea de AGAPEMA vese na obriga moral de entrar na discusión, para o cal quere facer as seguintes apreciacións:
1. Antes de nada, gustaríanos saber se esa medida parte exclusivamente da Directora do Grupo de Traballo ou conta coa opinión favorábel dos membros do Grupo, entre os cales está un Inspector, que debería coñecer o Deseño Curricular Base da materia.
2. Consideramos que as Matemáticas é unha das materias que máis axuda a aprender na busca e toma de decisións racionais, pero esta medida, proveniente dunha persoa ou persoas cunha sólida formación matemática, parécenos a antítese desa pescuda do racional e obxectivo, pola súa superficialidade cara a enfrontarse a unha situación problemática. Nós aprendemos –ou deberíamos ter aprendido– que antes de tomar unha decisión hai que analizar criticamente e con rigor todos os datos, argumentos e conclusións, pero parece que a medida adoptada é dun simplismo preocupante. Desexaríamos coñecer se se pensaron e valoraron outras alternativas, porque habelas, hainas: información e/ou formación aos vocais, nomeamento de outros vocais con capacidade para distinguir unhas calculadoras de outras, creación dun fondo de calculadoras para uso do alumnado, proposta de exercicios que non se poidan facer directamente con calculadoras programábeis, valoración adecuada das explicacións e da consecución de resultados parciais no proceso de resolución dos exercicios fronte a unha presentación non xustificada dun resultado final, etc.
3. Con total seguridade, os problemas que se mencionan no escrito para xustificar esa medida déronse, e seguirán dándose, noutras comunidades autónomas, nas que se permite o uso de calculadoras, mais non coñecemos de ningún caso no que se lles ocorrera a peregrina idea de prohibir o seu uso. Gustaríanos que a Directora do Grupo de Traballo, se ten outra información, nola facilitara para analizar as nosas ideas á luz desas experiencias.
4. A potenciación do uso racional das calculadoras, por motivos compartidos por nós e por toda a comunidade científica internacional, é un dos obxectivos mencionados nos D.C.B. de Matemáticas da ESO e do Bacharelato, aspecto este que debería coñecer ela e, cando menos, o membro do Grupo de Traballo que representa á Inspección. ¿A medida prohibitiva non vai en contra dese obxectivo? ¿Son conscientes os membros do Grupo de Traballo de que a implantación desa medida vai provocar un efecto dominó, no sentido de que de aquí en adiante o uso da calculadora se vai restrinxir para que o alumnado vai acostumándose a traballar sen ela? ¿A Directora ou todo o Grupo de Traballo ten capacidade para “torpedear” un dos obxectivos sinalados nos D.C.B. de Matemáticas?
5. A pesar de todas as críticas anteriores, hai un punto do escrito enviado aos centros que nos parece moi interesante. É o mencionado como “outras razóns” para xustificar a medida, e fai referencia á “evidente e preocupante diminución da facilidade de cálculo”. Coincidimos totalmente con esa preocupación. Por iso, temos moito interese en afrontar esa tacha, pero sen caer en simplismos, para o cal AGAPEMA, como a Asociación que agrupa ao colectivo máis numeroso de profesores e profesoras de Matemáticas de Galiza preocupados pola educación matemática, propoñémoslle ao Grupo de Traballo, á Administración educativa e a todos os colectivos interesados en solucionar este problema, a constituír e consolidar foros de debate que o aborden o máis profunda e seriamente que saibamos e poidamos, para o cal consideramos importante reflexionar sobre cuestións tales como:
- Horas destinadas ás Matemáticas no currículo da ESO e do Bacharelato.
- A optatividade da materia de Matemáticas II na modalidade de Ciencias da Natureza e da Saúde.
- A adecuación das probas de acceso á universidade na materia de Matemáticas.
- A formación continua do profesorado de Matemáticas dos Institutos.
6. Esta proposta de debate que facemos desde AGAPEMA non exclúe outras vías de reflexión. Dentro dun amplo abano de posibilidades, tamén cremos na conveniencia da realización de xuntas de zona da Directora do Grupo de Traballo co profesorado de Matemáticas dos Institutos, para que esa poda coñecer de primeira man os sentimentos e as preocupacións que teñen as persoas directamente implicadas na educación matemática do alumnado.