A finais de novembro os centros de ensino recibiron unha comunicación da CIUG na que se lles notificaba a supresión do uso da calculadora nas PAAU na materia de Matemáticas do Bacharelato Científico e Tecnolóxico. Este cambio débese, segundo a CIUG a:
“O feito de que na actualidade a maioría das calculadoras permitan a obtención de derivadas ou primitivas dunha función, ademáis do descoñecemento (en xeral), por parte dos vocais das comisóns delegadas das PAAU, da distinción entre calculadoras programables e non programables, inevitablemente conleva situacións de inxustiza e desigualdade de oportunidades entre os alumnos que se presentan o exame de Matemáticas. Por éstas e outras razóns --como é o feito de que nas pasadas convocatorias vense observando unha evidente e preocupante disminución da facilidade de cálculo--,no exame de Matemáticas das PAAU NON ESTARÁ PERMITIDO O USO DE NINGÚN TIPO DE CALCULADORA."
O Departamento de Matemáticas do IES A Farixa Ourense. decidiu solicitar ao
Grupo de Traballo de Matemáticas II da CIUG que sexa reconsiderada a supresión da calculadora nas PAAU en base
ás seguintes razóns:
1- Os problemas de cálculo do alumnado son un tema complexo que haberá
que resolver por abaixo e non por arriba. O manexo do cálculo é un
obxectivo do ensino primario e da ESO, non do Bacharelato. Un/nha alumno/a de 2º
de Bacharelato debe saber elevar ao cubo 2’456 pero dubidamos do interese que
pode ter facelo a man e, en calquera caso, leva un tempo que nun exame como o
das PAAU, onde o tempo é limitado, pode ser un elemento de distorsión na nota
final do exame.
2- A potenciación do uso racional das calculadoras, por motivos compartidos
por todas as asociacións de profesorado de Matemáticas, tanto galegas como do
Estado e internacionais, é un dos
obxectivos mencionados nos D.C.B. de Matemáticas da ESO e do Bacharelato,
O RD 832/2003 (BOE 4 XULLO 2003) que establece as ensinanzas do Bacharelato nas materias Matemáticas I e II recolle textualmente na introdución: “ En consecuencia, é preciso incorporar, no currículo de matemáticas, o uso de todos aqueles recursos tecnolóxicos (calculadoras e programas informáticos) que resulten axeitados para o desenvolvemento de determinados procedementos rutinarios, na interpretación e análise de situacións diversas relacionadas cos números, a álxebra linear, a análise funcional ou a estatística, así como na resolución práctica de numerosas situacións problemáticas relacionadas coa natueza, a tecnoloxía ou, simplemente, coa vida cotiá. Nos obxectivos recóllese:” 8. Servirse dos medios tecnolóxicos que se achan ao seu dispor, facendo un uso racional dos mesmos e descubrindo as enormes posibilidades que nos oferecen. 9. Aproveitar as canles de información facilitadas polas novas tecnoloxías, seleccionando aquilo que poida ser máis útil para resolver os problemas propostos”
No Decreto 231/2002 ( DOG 15 xullo 2002) que establece o currículo do Bacharelato en Galiza nas materias Matemáticas I e II recóllese textualmente: “O emprego de diversos medios que a tecnoloxía pon hoxe en día á disposición da educación pode ser extremadamente útil, dada a consideración xa comentada da estreita relación entre o seu campo e o das Matemáticas, e dado que permite en certas ocasións evitar pesadas operacións que non son determinantes na comprensión ou na análise de problemas. Este uso debe ser moi medido e racionalizado, valorando en cada caso a conveniencia da súa utilización”. Nos obxectivos recóllese “Facer un uso racional dos recursos tecnolóxicos, rendibilizando as grandes posibilidades que ofrecen”
Tendo isto en conta consideramos a medida de dubidosa legalidade e en
calquera caso absurdo que algo que por lei se pode utilizar na aula non se poida
utilizar nun exame. As características das PAAU deben procurar, na medida do
posíbel, reproducir as condicións nas que o alumnado se desenvolve de
xeito habitual. E, de xeito habitual, o alumnado utiliza a calculadora.
3- Ademais a supresión das calculadoras nas PAAU levará inevitablemente a que se deixen de utilizar nas aulas, co que non só non se acadará un dos obxectivos do Bacharelato senón que tamén se renunciará á utilización dun importante recurso didáctico. A calculadora non só serve para facer con rapidez cálculos engorrosos, tamén é un recurso de primeira magnitude para introducir conceptos matemáticos que están no currículo do Bacharelato como os límites de funcións: Así mesmo é o único instrumento válido para poder calcular razóns trigonométricas, exponenciais e logaritmos (a non ser que teñamos que volver utilizar as táboas que se usaban hai máis de 30 anos), cálculos que se deben realizar de con moita frecuencia no desenvolvemento de todo o currículo de 2º de Bacharelato.
4- Esta medida vai supoñer un importante prexuízo para o alumnado galego ao permitir o resto das Comunidades Autónomas do Estado a utilización das calculadoras nas PAAU (nunhas a calculadora científica e noutras todo tipo de calculadoras). Non deixalas usar na Galiza significaría que o alumnado galego está en situación de discriminación respecto ao alumnado doutros territorios para o acceso ao distrito único, posto que se lle están a negar facilidades que teñen outros na realización do exame da Matemáticas o que pode implicar peores cualificacións nas PAAU. Así, sen poder utilizar calculadora, o alumnado galego terá que deixar os resultados plantexados pero sen resolver e, polo tanto, sen poder medir e valorar o razoábel ou non do seu resultado e revisar, no seu caso, a solución proposta ao problema plantexado.
5- A inmediatez desta proposta, comunicada aos centros a finais de novembro, impide que o alumnado se adapte a ela. As PAAU teñen como un dos seus obxectivos medir a madurez matemática do alumnado. O alumnado sobre o que se vai aplicar a supresión da calculadora leva todo o ensino medio aprendendo a usala como ferramenta para a resolución de problemas e polo tanto adquiriu a súa madurez cunha tecnoloxía que agora non lle permiten empregar para demostrala.
Entón, de ser aplicada esta medida -da que discrepamos polos argumentos expostos nos tres primeiros puntos- debería facerse con catro anos de antelación, obrigando a modificar a programación didáctica do noso Departamento.
6- O problema que xustifica a medida, segundo a CIUG, é a discriminación do alumnado segundo o tipo de calculadora que utilice. Existen outras solucións que non supoñen unha discriminación xeral do alumnado galego como, por exemplo, que en cada comisión delegada haxa un vocal de Matemáticas, que se lles faciliten as calculadoras no propio exame ou que se publiquen os modelos de calculadoras que se poden usar e cales non.
Ourense, 3 de Marzo 2005
Asdo : Concepcion Gonzalez Otero, Xefa de Seminario