O Departamento de Matemáticas e o Consello Escolar do IES Nº 1 de Ribeira, unha vez examinadas as directrices xerais para o curso 2004-05 da directora do Grupo de Traballo de Matemáticas II, manifesta a súa desconformidade coa supresión do uso da calculadora científica no exame das PAAU deste curso.
1º) A “razón pedagóxica” presentada polo Grupo de Traballo de Matemáticas II para adoptar esta medida é a preocupante diminución da facilidade de cálculo (sic) observada nos alumnos que concorren ás PAAU. Temos que dicir que esta deficiencia non pode ser corrixida mediante unha medida prohibitiva comunicada cando estes alumnos se atopan inmersos nun proceso de preparación xa pechado en contidos e temporalización. Podería, quizais, dar lugar a unha reforma curricular no bacharelato na que se explicitase o que se entende por “uso racional da calculadora”, pero en ningún caso podemos aceptar que este “uso racional” consista en non poder usala no exame máis importante na vida dos estudantes preuniversitarios.
2º) Todos debemos ser conscientes de que a “razón real” para esta prohibición non é a anterior, senón o feito de que o progreso tecnolóxico pon á disposición dos alumnos máquinas cada vez máis potentes e versátiles, capaces de elaborar cálculos diferenciais e integrais, de almacenar textos teóricos e fórmulas e de ser programadas cos máis diversos algoritmos. Todos queremos que os nosos alumnos coñezan as técnicas de derivación e integración e que tales coñecementos non sexan substituídos pola mera pulsación dunha tecla. Pero os avances tecnolóxicos non poden volverse en contra dos examinandos e condenalos a “pelexar” con expresión do tipo de “sen 11,25” ou “0,38”; a calculadora “clásica” libera ó alumno de cálculos farragosos e debe ser permitida. Se a CIUG non se sinte capaz de examinar, ó comezo da proba, as prestacións da máquina que vai usar cada alumno deberá aumentar o número de profesores vixiantes e asegurarse de que son capaces de diferenciar entre unha calculadora normal e outra programable. Outra solución consistiría en que a propia CIUG subministrase unha calculadora (informando previamente á comunidade educativa do modelo a usar) a cada alumno á entrada do exame; o custo económico desta medida non parece desorbitado se temos en conta que cubriría as necesidades de varios anos.
3º) A medida de prohibición, tal e como foi adoptada, desencadea un aluvión de agravios comparativos que podemos resumir así.
O uso da calculadora está permitido (e mesmo recomendado) en:
a) A proba de Física da CIUG.
b) A proba de Química da CIUG.
c) A proba de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II da CIUG.
d) A proba de Matemáticas II (e calquera das outras disciplinas) fóra de Galiza.
e) Nalgunhas comunidades autónomas (Andalucía) permiten incluso o uso de calculadoras programables.
Por suposto que tamén foi permitida e recomendada nas probas de “selectividade de Matemáticas de Ciencias” dende que se xeneralizou o uso destas máquinas ata o ano 2004.
Por todo o anterior rexeitamos o contido da circular do “Grupo de Traballo de Matemáticas II” que suprime o uso de calculadoras e esiximos que sexa revocada esta supresión.
NON
Á PROHIBICIÓN SOBREVENIDA DA CALCULADORA
Asdo.
Ana Isabel Valdés Fernández