Non á prohibición da
calculadora na selectividade
Os centros de ensino secundario veñen de recibir unha circular do
“Grupo de traballo de matemáticas II” da Comisión Interuniversitaria de
Galicia. Nesta carta comunícase a prohibición do emprego de calculadoras na
selectividade deste curso, na materia de Matemáticas II.
O Sindicato de Estudantes rexeita enerxicamente esta inxusta medida.
O argumento da directora de dito “Grupo de traballo de matemáticas
II” para xustificala é inaceptable. Segundo ela, “dita norma promoveuse
ante a constatación de que o uso de certo tipo de calculadoras (que aínda non
sendo programables puidesen facer cálculos de tipo integrais, derivadas…)
colocaba en situación de desventaxa a uns alumnos fronte a outros”.
Dende logo, se o que se quere é evitar tal situación, existen outras
solucións, como é poñer gratuitamente a disposición de todos os alumnos o
mesmo modelo de calculadora.
En calquera caso, é evidente que a prohibición do uso da calculadora no xa
inxusto selectivo endurece enormemente a proba de matemáticas II. Os estudantes
estamos sometidos a unha enorme tensión durante a selectividade, e calquera
factor que aumente esa tensión é inaceptable, sendo como é que do resultado
do selectivo depende en grande medida o noso futuro.
O intento da directora do Grupo de traballo de tranquilizarnos dicindo
que terán en conta dita prohibición (¡¡qué menos!!) non nos serve. Se
durante todo o curso os alumnos empregamos a calculadora, é evidente que non
poder facelo no selectivo vai xerarnos unha tensión adicional.
De feito,a prohibición é ainda máis absurda porque, como denunciou a
Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática, “a potenciación
do uso racional das calculadoras (...) é un dos obxectivos mencionados no Deseño
Curricular Base de Matemáticas da ESO e do Bacharelato”.
A selectividade é unha proba que só pretende impedir o acceso dunha
parte dos estudantes á Universidade. Na medida na que non existen prazas
universitarias dabondo para cubrir a demanda, os diferentes gobernos teñen
mantido a selectividade a xeito de peneira. Se o Goberno e a Xunta creasen as
prazas universitarias necesarias, a selectividade desaparecería. Por iso, o
Sindicato de Estudantes reivindica a creación de 250.000 prazas universitarias
en todo o Estado e a eliminación da selectividade.
Ata a consecución deste obxectivo, opoñémonos totalmente a calquera
medida que endureza a selectividade e que dificulte aínda máis o xa difícil
acceso dos fillos dos traballadores á Universidade.
O Sindicato de Estudantes xa solicitou unha reunión urxente co
Conselleiro de Educación da Xunta, para esixirlle a retirada inmediata desta
prohibición do uso da calculadora. Esta prohibición só afecta a un número
limitado de estudantes, pero pensamos que todos estamos interesados en que se
retire, para evitar precedentes e que mañá poida haber outra medida que afecte
especificamente a outra materia. Por iso pedímosvos a todos que protestedes co
envío de faxes ou correos electrónicos ó conselleiro. O seu fax é o 981 54
44 99 e o seu correo é gc@edu.xunta.es, con copia a santiago@sindicatodeestudiantes.org.
Así mesmo, propoñémosvos facer unha recollida de sinaturas contra esta medida
entre todos os estudantes do voso centro. Se nolas enviades, nós entregarémolas
todas na Xunta. O enderezo para enviárnolas é: Apartado de Correos 350 15700-
Santiago.
ORGANÍZATE E LOITA
CONNOSCO
Nón a prohibición
do uso da calculadora,
Nón ó endurecemento da selectividade,
Acceso directo á Universidade